Dúas empresas chairegas, nas 500 pemes españolas con máis crecemento
Cepyme recoñece a progresión de Suministros Megaro Foods, de Castro, e de Transportes Vázquez Portela, de Abadín
A Confederación Española de la Pequeña y Mediana Empresa (Cepyme) vén de dar conta das 500 firmas que lideraron o crecemento empresarial en España no último exercicio, entre as que figuran dúas pemes chairegas: Sumininstros Megaro Foods SL, con sede no polígono de Castro, e Transportes Vázquez Portela, na parroquia abadinesa de Moncelos.
As empresas Cepyme500, entre as que se atopan 42 galegas de diversos sectores, forman parte dun anuario impreso e dunha guía de referencia e de consulta que se presentará o día 15 na Bolsa de Madrid. Tamén están nunha web que recoñece o seu valor e lles dá visiblidade.
Neste dase conta de que a taxa anual de crecemento de vendas de Megaro Foods, que forma parte do consello asesor da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), é dun 60,55% e que a súa rendibilidade económica (ROA) se sitúa nun 14,41%, cunhas vendas que superaron os 17 millóns de euros.
Detállase tamén que ten unha trintena de empregados e que é froito do “espírito emprendedor” de Carlos Cebrián, procedente dunha longa tradición familiar no sector cárnico, e que compaxina “unha selección exhaustiva de materias primas con longa experiencia no despezamento e cuns procesos produtivos optimizados, ofrece produtos a sectores como retail, food service, Horeca e industria alimentaria”.
No tocante a Vázquez Portela, Cepyme salienta os seus máis de 20 anos de experiencia no sector do transporte en cisternas alimentarias e técnicas a calquera punto de España e de Europa, “garantizando a trazabilidade e a calidade ata o destino final”. “A súa flota incorpora un avanzado sistema de localización vía GPS, con control de tacógrafos e conexión CANBus, o que permite transmitir información precisa aos seus clientes, en tempo real, de cada un dos servizos prestados”. Recolle tamén que a compañía, que segue a incrementar persoal, flota e facturación, contaba con máis de 80 traballadores e que a súa taxa anual de crecemento é do 15,14%, cunha rendabilidade do 18,98% e unhas vendas de máis de dez millóns de euros.
ENERXÍA GALEGA. A representación luguesa complétase cunha terceira firma, Enerxía Galega Máis, comercializadora de luz e de gas con sede en Lugo e coas oficinas centrais en Vigo.
É unha das 50 compañías máis relevantes do sector da comercialización no noso país”, destacan desde Cepyme dunha firma amparada polo Grupo Eixo Atlántico, que opera en toda Galicia e que experimentaba un crememento anual en vendas dun 77,38%, unha rendabilidade do 14,41% e rexistraba vendas por 13 millóns de euros.
